Os participantes continuaron pola senda peonil do Loña, para chegar á Ponte Medieval situada no camiño vello que une os núcleos rurais de Mende e Velle, unha fermosa ponte dun único arco asentado sobre bolos graníticos da que temos unha primeira referencia no ano 1238. Esta ponte, con moita probabilidade, substituiu a outra anterior, romana, construida en madeira ou pode que en pedra, que daría servizo á vila galaico-romana de Santomé. O seu arco, lixeiramente apuntado, ten unha luz de 12,87 metros. A rampa, empinada, é bastante estreita, de 3,60 metros, e leva muros de acompañamento. A pequena inscrición nunha dovela e a data de 1238 suxiren a época de construción cara comezos do s. XIII, con varias reparacións posteriores. No ano 1969 o Concello de Ourense levou a cabo unha primeira consolidación para evitar a súa ruina, e no 1988 acométese a última e máis relevante, recuperándo a ponte para o tránsito peonil.