Un dos grupos centrou a súa presentación na vexetación da zona. Destacan carballos, Quercus robur, e cerqueiros, Quercus pyrenaica, con presenza tamén das sobreiras, Quercus suber. Preto do río Loña, na ladeira sur, aparecen as aciñeiras, Quercus rotundifolia. Podemos atopar quexigos, Quercus faginea, con follas que permanecen na árbore todo o ano (a pesar de secarse en outono), e piñeiros mansos asilvestrados, Pinus pinea, especie extendida polos romanos. Hai outras especies como o loureiro, Laurus nobilis, ou o érbedo, Arbutus unedo, e podemos ver a marca da recente actividade humana en piñeiros bravos, Pinus pinaster, ou na invasora mimosa, Acacia dealbata, extendida preto da estrada e no sendeiro que nos leva a Castadón.