Mesa redonda sobre CAMBIO CLIMÁTICO.

O 22 de abril, Día da Terra, entre as 12 e as 14 h, o alumnado de 1º BAC (81), acompañado polos docentes de Cultura Científica e a docente de Bioloxía e Xeoloxía de Bacharelato, participou no salón de actos do centro na terceira Xornada ConCiencia deste curso.

Nesta ocasión, a charla sobre cambio climático, que Susana Bayo Besteiro levou a cabo de xeito maxistral entre 2015 e 2019, mudou de formato, dando paso a unha mesa redonda conducida polo coordinador e membro do comité científico de Voz Natura, Alejandro Díaz Sueiro.

Os poñentes, por orde de intervención, foron Eduardo José González Clavijo, Marisela Des Villanueva e Manuel Souto Herrero, en tres quendas de 20 minutos nas que tentaron chamar a atención do alumnado sobre contidos das súas especialidades relacionados co cambio climático.

Eduardo José González Clavijo é licenciado en Ciencias Xeolóxicas pola Universidade de Salamanca, e ten traballado en diversos campos da xeoloxía (como xeofísica, hidroxeoloxía, xeotecnia e ensaios de materiais). Na actualidade adícase á divulgación xeolóxica. É coautor de traballos como Lugares de Interese Xeolóxicos do Canón do Sil e da Serra do Xurés, Guía Xeolóxica da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, e autor de varios artigos sobre minería romana. É membro da Comisión de Patrimonio da Sociedade Xeolóxica de España, da Sociedade para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro e da Asociación para o Ensino das Ciencias da Terra. A súa ponencia levou o título de O cambio climático e a paleoclimatoloxía.

O alumnado seguiu con atención as indicacións de Eduardo, que defendeu que para entender o clima do pasado do noso planeta temos que darnos conta da dimensión da escala dos tempos xeolóxicos, sen esquecer que os procesos xeolóxicos máis recentes enmascaran aos máis antigos (esto pódese representar como unha espiral na que soamente vemos a última volta). Tamén chamou a atención sobre a transgresión e a regresión, rematando a súa intervención facendo referencia aos cambios na disposición dos continentes nos últimos 600 millóns de anos, aos cambios nas correntes mariñas e á relación entre a actividade volcánica e as extincións masivas.

Marisela Des Villanueva ten o grao en Ciencias Ambientais, con mestrado en Oceanografía. Asemade é doutora en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión. Na actualidade traballa como investigadora no Departamento de Mecánica de Estruturas e Enxeñería Hidraúlica da Universidade de Granada, e colabora co grupo de investigación EPhysLab (Environmental Physics Laboratory) no Programa Campus da Agua, da Uvigo. Está especializada en modelado numérico da hidrodinámica de zonas costeiras e estuarinas. As súas tarefas de investigación céntranse en analizar como os parámetros físicos poden variar por mor do cambio climático, e como estas variacións poden afectar ás especies que habitan nesas áreas. Ten publicacións nas que se analizan os efectos do cambio climático na costa atlántica da península ibérica, analizando os posibles cambios no afloramento, na temperatura da auga e na estratificación e o impacto destes cambios na produtividade do mexilón das Rías Baixas e na distribución xeográfica de macroalgas. A súa presentación achegounos ás Investigacións recentes sobre o cambio climático.

Marisela centrou a súa intervención nos datos relacionados cos cambios recentes no clima: variacións da temperatura e mortes asociadas, variacións das precipitacións e mortes asociadas ás secas, evolución do permafrost e do xeo mariño, afloramentos e produtividade, distribución xeográfica de especies, elevación do nivel do mar…

Manuel Souto Herrero é doutor Enxeñeiro de Montes pola Universidade de Santiago de Compostela. Membro da Sociedade Española de Ciencias Forestais. Na actualidade traballa como investigador no Departamento de Botánica da USC, dentro do Grupo de Investigación de Biodiversidade e Botánica Aplicada (BIOAPLIC). Está especializado en Dendroclimatoloxía, e o seu traballo céntrase en estudar a información climática que recollen os aneis de crecemento de diversas especies forestais, colaborando tamén na identificación e estudo de madeiras arqueolóxicas. Ten varias publicacións científicas en revistas internacionais nas que se estudan as adaptacións do carballo e do rebolo ao clima nos seus límites naturais de distribución e baixo a perspectiva do cambio climático. Amosounos o seu traballo na ponencia Dendrocronoloxía e cambio climático.

Manuel amosounos na súa ponencia como os eventos que acontecen ao longo da vida da árbore quedan rexistrados nos aneis de crecemento, polo que a dendrocronoloxía, en particular a dencroclimatoloxía retrospectiva, é unha valiosa ferramenta para coñecer os cambios no clima, destacando na súa presentación os estudos levados a cabo con carballos, Quercus robur, e cerquiños, Quercus pyrenaica.

Ao rematar as presentacións, o alumnado tivo ocasión de facer preguntas como as seguintes. Somos os únicos responsables do cambio climático? En que medida poden as enerxías renovables ser unha alternativa e como tería que evolucionar o modelo de consumo? Como poden evolucionar os bosques da nosa contorna co cambio climático? Como facer cómplice á mocidade do problema? Sobre estas e outras cuestións os poñentes opinaron nun clima distendido e relaxado.

Desde o Seminario de Ciencias Experimentais queremos agradecer a Jose Álvarez, Manuel Blanco, Manuel Gallego, Juan Cao e Belén González o traballo levado a cabo para que todo estivera a punto; aos poñentes pola súa colaboración, especialmente polo esforzo realizado ao adaptar contidos para as súas charlas; e ao moderador pola súa implicación co noso proxecto e o esforzo que supón ter que desprazarse desde A Coruña. Agardamos poder seguir contando co bo facer de todas e todos e que sexamos quen de manter a iniciativa de aportar no eido da divulgación científica e ambiental.

Podedes ver o audiovisual co contido íntegro da actividade na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=2PRltlx53Tk&t=110s