LÁMINAS DE PAPEL VEXETAL.

Durante o segundo trimestre do curso a tarefa avaliable da asignatura de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 3º de ESO consistiu nunha serie de catro láminas levadas a cabo con rotulador 0.2, sobre papel vexetal cortado A5, traballando o punto, a liña, a mancha e un conxunto das tres técnicas, empregando como modelo unha das fotografías do blog do proxecto.

Aula de 3ºA de ESO, 12 de marzo de 2021.

O alumnado tiña liberdade para escoller a imaxe, imprimila na casa e traela ao centro, xunto co resto do material. Asemade, o docente puso a disposición do alumnado fotografías de distintas actividades, todas presentes no blog.

Aula de 3ºB de ESO, 12 de marzo de 2021.

Esas fotografías foron empregadas tempo atrás para ilustrar o taboleiro do que dispón o proxecto no pórtico do edificio de EI-ESO-BAC, polo que se lle deu un novo uso a ese papel.

Aula de 3ºD de ESO, 12 de marzo de 2021.

As indicacións para empregar estes elementos pictóricos estaban dispoñibles nunha carpeta de Google Drive compartida con todo o alumnado da asignatura, ao través de presentacións elaboradas polo docente, que contaban tamén con exemplos dos traballos levados a cabo en cursos anteriores.

Aula de 3ºC de ESO, 15 de marzo de 2021.

Antes de rematar o período de avaliación, a mediados de marzo, o alumnado colocou os seus traballos na carteleira da aula, onde quedaron expostos durante varias semanas. Durante a segunda semana de abril foron retirados e devoltos a cada alumna/o, que os gardou no seu block de traballo.

A continuación poden verse moitos dos traballos expostos na carteleira de cada aula, co alumnado responsable en primeiro plano.

3ºA, 3ºB, 3ºC e 3ºD de ESO.