AS PLANTAS EXÓTICAS INVASORAS: UN PROBLEMA SEN CONTROL.

O 12 de abril, entre as 11:40 e as 15 h, alumnas e alumnos de 1º BAC matriculados en Cultura Científica (57), acompañados polos docentes da asignatura, tiveron ocasión de participar no salón de actos do centro na segunda Xornada ConCiencia deste curso, coa ponencia do Doutor Luis González Rodríguez, do Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Vigo. Destacar como curiosidade que, desde que participamos en Voz Natura, esta actividade levouse a cabo cada curso… e van nove.

Luis González Rodríguez, no salón de actos do CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense.

A ponencia, como noutras ocasións, tiña como título As plantas exóticas invasoras: un problema sen control. Foi Gustavo o que presentou ao poñente, que falou do seu traballo de investigación, destacando nesta ocasión as implicacións económicas do tratamento das plantas exóticas invasoras, amosando uns números que non deixaron indiferente a ningún dos asistentes.

A primeira parte da actividade durou aproximadamente unha hora, e durante ese tempo o poñente non parou de procurar a participación do alumnado, con cuestións sobre os contidos presentados, preguntando a opinión dos asistentes sobre os temas tratados… facendo a charla dinámica e interactiva.

Ao rematar a intervención do poñente, o alumnado de 1ºC voltou a súa aula acompañado por Gustavo, mentres o alumnado de 1ºA+B, acompañado por Luis e Quique, saía do centro para dar un paseo pola beira sur do Miño e facer unha aproximación á vexetacion da contorna. Destaca a presenza de varias especies de plantas exóticas invasoras (Acacia dealbata, Ailanthus altissima… e outras) e tamén de moitas autóctonas (sobre todo de bosque de ribeira), algunhas delas moi singulares, como é o caso do teixo, Taxus baccata.

Ás 13 h, o grupo de 1ºA+B voltaba a súa aula con Quique; era o turno do alumnado de 1ºC, que acompañado por Luis e Gustavo, facía un percorrido similar ao que levaran a cabo as/os compañeiras/os unha hora antes.

Desde o Seminario de Ciencias Experimentais queremos agradecer ao poñente a súa colaboración e implicación co noso proxecto, especialmente polo esforzo realizado ao renovar e adaptar contidos para as súas charlas e por ter que desprazarse desde Vigo. Agardamos poder seguir contando co seu bo facer e coas ganas de aportar no eido da divulgación científica e ambiental.