Roteiro circular Belesar-Pincelo e río Asma.

O sábado 13 de abril varios docentes do centro participamos no Roteiro Belesar-Pincelo, en Chantada, para continuar pola tarde na beira dereita do río Asma.

O itinerario foi deseñado por Eduardo José González Clavijo (xeólogo coordinador dos xeolodías organizados pola Sociedade Xeolóxica de España, colaborador habitual das actividades de NaturezAula) para a AEPECT (Asociación Española Para o Ensino das Ciencias da Terra).

Eduardo guiando ao grupo a piques de chegar a Pincelo.

O itinerario, artellado arredor de nove paradas de interpretación, foi moi ameno. O punto de reunión foi a ponte sobre o río Miño en Belesar. Eduardo falounos da formación do canón do Miño pola erosión do río, sen descender topográficamente, ao tempo que a contorna se elevaba en grandes bloques pola acción da oroxenia Alpina. Neste punto o canón non é tan alto nin tan agreste como o do Sil nalgún dos seus tramos, pero ten unha beleza especial debido á vexetación e aos viñedos.

Entrando na polémica de que río é máis importante, se o Miño ou o Sil (sen ter en conta que o Sil ten maior lonxitude, drena un área maior e nace a maior altitude), podemos fixarnos nos seus perfiles de altitudes.

Pódese apreciar como o perfil do río Sil ten máis continuidade co tramo desde Os Peares (lugar da unión de ambos ríos) á desembocadura, e como o perfil dol Sil axústase moito máis ao perfil de equilibrio (a líña vermella).

Nos catro kilómetros nos que seguimos a senda PR-G 183, Eduardo falounos de esquistos do parautóctono superior con diferentes grados de alteración e a presenza de diques de pegmatita; de granitoides con diques de cuarzo e enclaves xenolíticos; de leucogranito, de tapioloxía…

… e tamén doutras utilidades da xeoloxía que non sempre se teñen en conta: ao chegar a Pincelo, ladera arriba vese un val moi recto, o que nos indica que posiblemente este curso de auga siga unha falla (comprobado ao revisar o visor GEODE, na imaxe axunta). Nas fotografías apréciase a zona descarnada por un deslizamento e algún dos bloques de rocha transportados polo mesmo. Dada a forte pendente deste regato (descende 450 metros en 1,2 kilómetros), e que segue unha zona de materiais fracturados pola zona de falla, e se lle sumamos a acción do home construíndo estradas, é doado entender o deslizamento de rochas de fai uns meses que cortou a estrada de acceso a Pincelo polo oeste.

En Pincelo fixemos un descanso na terraza da Quinta Sacra…

… para continuar cara a ponte de Portotide, que permite cruzar o Miño (e voltar a Belesar pola beira esquerda). Antes de chegar á ponte puidemos observar o muro dunha casa e comparalo co muro que vimos antes: rochas diferentes, o que nos indica que estamos preto dun cambio litolóxico importante.

Unha vez cruzado o río, a estrada corta un afloramento con mármoles, ampelitas, liditas, cuarcitas…

Este afloramento á beira da ponte semella un auténtico caos. Hai unha variedade ampla de litoloxías en “capas finas de moi diferentes materiais”. Os mapas do IGME consideran que estos materiais son do parautóctono, concretamente do Grupo Nogueira. O parautóctono son materiais do Paleozoico Inferior transportados decenas de kilómetros, durante a oroxenia Varisca, mediante cabalgamentos sobre uns materiais moi semellantes e da mesma idade. O mapa de Marcos y Llana Fúnez considerao Grupo Nogueira do parautóctono, pero pon moi preto materiais do Grupo Paraño, tamén do parautóctono. Todo se complica coa presenza de granitoides. Para poder entender a xeoloxía deste punto pode que teñamos que esquecer as litoloxías e formacións e lembrar que había neste lugar hai millóns de anos. A xeoloxía non é descripción de materiais, senón a historia dun planeta. Como pode haber en tan pouco espazo tantos materiais diferentes? Están estos materiais correctamente datados? A mostras que se dataron son representativas? No Paleozoico este lugar era un mar pouco profundo preto dun continente. E millón de anos máis tarde todos estos materiais foron testemuñas dun choque de continentes (a oroxenia Varisca). Podería ser que estemos ante un depósito sinoroxénico do inicio da oroxenia Varisca? Sería unha explicación máis sinxela do que estamos a ver, pero falta moita investigación para poder afirmalo. O que sí podemos afirmar é que a presenza de liditas, rocha de extremada dureza, mármoles e cuarcitas, xeneran unha zona máis resistente á erosión do río Miño, que xerou un estreitamento no río, no que se asenta a ponte.

Durante toda a mañá fixemos unha manchea de amigos

… e, como na ida, tamén desfrutamos das paisaxes no camiño de regreso a Belesar.

Logo de xantar en Belesar, desprazámonos ata a ponte que cruza o río Asma.

O río Asma forma un canón para descender desde a chaira de Chantada ata o río Miño, 250 metros máis abaixo; o que observamos é un “río de montaña”, con saltos de agua preto da súa desembocadura. Esto ven xerado polo “relevo de bloques” característioco de Galicia: o Asma ten que baixar do bloque no que está Chantada ata o que ocupa o canón do Miño. Na gráfica do perfil do río apréciase como descende 250 metros nos tres últimos kilómetros antes da súa desembocadura.

Camiñamos entre bolos de granitoide porfídico rodeado de viñas, nun claro exemplo da viticultura heroica. A rocha é de gran groso, polo que xera bolos de gran tamaño.

Na parte final desta ruta vemos a desembocadura do río Asma no Miño. Na beira esquerda do Asma, nun curuto, vemos unhas casas entre viñedos, o que hai 2.000 anos era un castro. Podemos intuir aínda a forma das súas murallas. As dúas chairas de pequeno tamaño que vemos ao carón dese castro son ombreiras fluviais, xeradas polo Miño durante o seu encaixamento.

Desde ese punto voltamos a Ourense. Unha xornada formativa moi completa ao tempo que calurosa.